
“ILUSTRANDO O CAMBIO CLIMÁTICO” (Exposición de infografías ILLUSTRACIENCIA)
Dende o IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) compracémonos en anunciar a inauguración da exposición “ILUSTRANDO O CAMBIO CLIMÁTICO” que tivo lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, a nosa sede en Gondomar, o 4 de decembro, xoves, ás 20h.
Ligazón para o vídeo editado que recolle o acto de inauguración:
https://youtu.be/lerRDOIWGk8?si=SimQCv6JCW3grdsm

Ligazón para a versión pdf (en liña):
https://www.calameo.com/read/006231724de66e2084f14

Neste acto, que foi presentado por Bruno Centelles, coordinador da exposición, en substitución de Juan Hermida, director do IEM, contamos coa participación de Fernando Valladares, colaborador e supervisor do proxecto, recoñecido experto en ecoloxía e cambio climático e profesor de investigación do CSIC, onde dirixe o grupo de Ecoloxía e Cambio Global no Museo Nacional de Ciencias Naturais, e de Laura Castro, Sara Cesari, María Docampo, Victoria Riveiro e Majo Martín, autoras de cinco das once infografías expostas.
A exposición, composta por 11+1 pezas de gran formato (111×81 cm), presenta unha selección de 11 infografías realizadas polo alumnado do curso en liña de ilustración científica IIustrando a ciencia, organizado polo Proxecto Illustraciencia. Durante o proceso formativo as ilustradoras e os ilustradores aprenderon e experimentaron con diversas técnicas analóxicas e dixitais que puxeron en práctica na realización do proxecto final. As infografías abordan de maneira conxunta algúns dos efectos en cadea e dos procesos complexos producidos polo Quecemento Global que impactan drasticamente sobre o sistema climático e a saúde de todo o noso planeta.
A exposición complétase co vídeo “Efectos complejos del Cambio Climático”. Un traballo audiovisual divulgativo no que o propio Fernando Valladares, xunto co alumnado do curso, explican de forma clara e visual o contido e o sentido deste traballo colaborativo.
Ligazón para o vídeo “Efectos complejos del Cambio Climático”:
https://youtu.be/RIkYlYNA-hI

A través desta mostra convidamos ás persoas visitantes a descubrir como a ilustración científica non só informa, senón que tamén inspira, emociona e transforma a nosa maneira de comprender a ciencia e o mundo que habitamos.
Esta exposición é froito da colaboración de Illustraciencia co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC) e da súa Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá (VACC-CSIC).
Na versión en galego participou activamente o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM).
Agardamos que a nosa proposta resulte do voso interese.





