
“ILUSTRANDO O CAMBIO CLIMÁTICO” (Exposición de infografías ILLUSTRACIENCIA)
Dende o IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) compracémonos en anunciar a inauguración da exposición “ILUSTRANDO O CAMBIO CLIMÁTICO” que terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, a nosa sede en Gondomar, o vindeiro 4 de decembro, xoves, ás 20h.
Neste acto, que será presentado por Juan Hermida, director do IEM, contaremos coa participación de Fernando Valladares, colaborador e supervisor do proxecto, recoñecido experto en ecoloxía e cambio climático e profesor de investigación do CSIC, onde dirixe o grupo de Ecoloxía e Cambio Global no Museo Nacional de Ciencias Naturais.
A exposición, composta por 11+1 pezas de gran formato (111×81 cm), presenta unha selección de 11 infografías realizadas polo alumnado do curso en liña de ilustración científica IIustrando a ciencia, organizado polo Proxecto Illustraciencia. Durante o proceso formativo as ilustradoras e os ilustradores aprenderon e experimentaron con diversas técnicas analóxicas e dixitais que puxeron en práctica na realización do proxecto final. As infografías abordan de maneira conxunta algúns dos efectos en cadea e dos procesos complexos producidos polo Quecemento Global que impactan drasticamente sobre o sistema climático e a saúde de todo o noso planeta.
A través desta mostra convidamos ás persoas visitantes a descubrir como a ilustración científica non só informa, senón que tamén inspira, emociona e transforma a nosa maneira de comprender a ciencia e o mundo que habitamos.
Na versión en galego participou activamente o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM).
Agardamos que a nosa proposta resulte do voso interese.




