O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario “Xeracións de poesía” impartido por Javier Rodríguez González, gañador do XIV Certame de poesía Victoriano Taibo.
O obradoiro, de carácter gratuíto, comezará ás 11 horas do sábado 14 de xaneiro de 2023, na sede do IEM en Gondomar.
A esta sesión presencial seguiranlle 6 sesións online, todos os luns de 18 a 20 horas. O obradoiro pecharase o sábado 11 de marzo cunha derradeira sesión presencial. O prazo de inscrición comeza o luns 2 de xaneiro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que o obradoiro sexa eminentemente práctico, onde as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Javier a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro serva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte
O proceso é moi sinxelo e pode facerse dende o propio móbil.
En caso de ter algún problema pódese chamar ao número de teléfono 687553651 para recibir axuda.
O autor
Javier Rodríguez González naceu en Ourense en 1983 e é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Ciencias Relixiosas pola Universidade Pontificia de Salamanca. Funcionario de carreira, traballa desde hai anos como profesor de Ensino Secundario no IES Mariano Quintanilla (Segovia). No seu libro “Preludio a la ceguera” (Eurisaces, 2014) recóllese gran parte da súa produción escrita en galego e castelán. Tamén colaborou con poemas, recensións e textos ensaísticos en revistas como “Encrucillada”, “Piedra de Molino”, “El Cobaya”, “Rudesindus”, ou “Auriensia”.
En galego ten gañado premios como o VII Certame Literario Concello de Ames (2010), o XXVI Certame de Poesía Feliciano Rolán (2012), o VI Certame Literario Terras de Chamoso (2013), o Certame a Pipa Alta Montaña Luguesa (2013), VII Certame de Poesia Manuel Leiras Pulpeiro (2019), III Premio de Poesía Eduardo Pondal (2021), o V Premio de Poesia Eloy Lozano (2021) e, por suposto, o XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar (2022). En castelán destaca o Premio Internacional de Poesia Miguel Hernández-Comunidad Valenciana (2021).