Crise ambiental acelerada e global no presente contexto socioeconómico. Emilio Fernández Suárez
O vindeiro venres 5 de abril ás 20h terá lugar no local do IEM a primeira conferencia das pertencentes ao ciclo “Crise climática ou crise do sistema?” denominada Crise ambiental acelerada e global no presente contexto socioeconómico. Neste acto presentado por Marcos Lago, Catedrático de ensino secundario, o protagonista será Emilio Fernández Suárez, Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo.
A crise ambiental global na que nos encontramos imersos, constitúe un dos maiores desafíos aos que se enfronta a humanidade. Trátase dunha crise sen precedentes, con causas múltiples, con ramificacións que penetran en praticamente todos os ámbitos de actividade das sociedades humanas e, por tanto, de abordaxe extremadamente complexo. En esencia, o reto consiste en tratar de compatibilizar a suficiencia enerxética, a seguridade alimentaria e o mantemento da funcionalidade dos ecosistemas mentres as condicións ambientais de contorno cambian de xeito acelerado. Esta primeira palestra aspira a debuxar o contexto no que se insire o ciclo de conferencias presentando o contexto ambiental presente mediante una serie de indicadores que ilustran a magnitude e a escala dos cambios ambientais que experimenta o planeta desde a Revolución Industrial, para centrarse en particular nun dos mais coñecidos e relevantes no contexto actual, aínda que non o único, o relacionado coa crise climática asociada ás emisións a atmosfera de gases de efecto invernadoiro de orixe antropoxénica. A análise da evolución histórica destas emisións e dos escenarios de cambio previsibles para o século presente permitirán enmarcar as posibles alternativas que aspiran a reverter a destrutiva tendencia actual concentrando a nosa atención na gran aposta estratéxica de Europa neste eido: o denominado Pacto Verde.