
Dous poemarios, finalistas do XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo
Dous poemarios, finalistas do XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo
O xurado do XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, reuniuse o pasado sábado 21 de novembro nas dependencias do IEM para deliberar sobre as obras presentadas nesta edición.
Tras a valoración dos 66 poemarios recibidos, o xurado acordou seleccionar como finalistas as seguintes obras, por orde alfabética:
- Noite de Istar
- OSA # M.
O título da obra gañadora e a identidade da súa autoría daranse a coñecer nos próximos días, coincidindo co anuncio da data do acto de entrega do premio, que aínda está pendente de confirmación.
A obra premiada será publicada na colección de poesía Dombate, da Editorial Galaxia.
Desde o Instituto de Estudos Miñoráns queremos salientar a excelente participación acadada nesta décimo sétima edición, cunha cifra de 66 poemarios, próxima ao récord histórico do certame. Estes datos confirman a boa saúde do Premio de Poesía Victoriano Taibo e a súa crecente proxección no ámbito literario galego e estatal.
Queremos tamén expresar o noso agradecemento ao Concello de Gondomar e á Editorial Galaxia polo seu apoio e colaboración, fundamentais para a continuidade e consolidación deste premio, que contribúe á promoción da creación poética e á difusión da literatura galega.



