PRESENTACIÓN DE ” DE COSTUMES E AGOIROS DO MAR DO NORTE” DE XOSÉ DANIEL COSTAS
O vindeiro venres 21 de xuño ás 20:00h no local do IEM terá lugar a presentación de “De costumes e agoiros do mar do norte” de Xosé Daniel Costas. O acto será presentado pola poeta e profesora Marta Dacosta.
Xosé Daniel Costas.
Naceu en Moaña no ano 1981 e foi membro fundador da Asociación Cultural Lonxa Literaria de Moaña, así como de múltiples asociacóns e colectivos veciñais e culturais. Socio e activista da Asociación Cultural e Recreativa SUESTE na defensa e conservación das embarcacións tradicionais.
Gañador do XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón co libro conservas, editado por Sotelo Blanco.
Publicou o libro Infancia de vacas Mortas, editado pola editorial Barbantesa.
Gañador do X premio de poesía Novacaixagalicia de Poesía co libro monicreques, editado polo Pen Clube Galicia.
E case unha década despois publica este libro de poesia que transita nos diferentes mares do hemisferio norte coma se nun almanaque se tratase. Un poemario en dúas partes onde o mar é o fío conductor, e o poeta viaxa entre o amor e sensualidade para habitar múltiples peles e receitas.
Di Ana R Figueiredo no limiar deste “de costumes e agoiros do mar do norte”. editado por Medulia Editora.
“Queimar as redes de camiño ao mar, di o poeta, e volver coas mans ateigadas de criaturas con escamas, de medos, da friaxe da pel esvaradiza e aqueloutra certeza que establece o pacto do sangue. Para comer mergullaremos os dedos nas vísceras, para sandar as feridas soterraremos as mans na terra. Fiquen na eternidade do mar de fondo os nomes do naufraxio a remoernos as insomnias…
Anna R. Figueiredo