Bosque, de Antón Blanco Casás, obra gañadora do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar
Bosque, de Antón Blanco Casás, obra gañadora do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar
Reunido o xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; por Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura; por Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior; por Tamara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia; e por Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XVI edición sexa o presentado baixo o lema Eu, belida, titulado Bosque, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Antón Blanco Casás.
O xurado valora a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora será publicada baixo na colección Dombate da Editorial Galaxia, onde a organización lle desexa o mesmo éxito que Dakota, de Masha Álvarez, Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), de Javier Rodríguez e Antese, de Arancha Nogueira, poemarios gañadores dos anos 2023, 2022 e 2021 respetivamente.
O acto de entrega do premio e a presentación do libro, editado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2025, nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13 dese mesmo mes, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2025, a gañadora impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición durante o mes de decembro.
A organización quere destacar a boa saúde do Premio de Poesía Victoriano Taibo que, grazas ao apoio do Concello de Gondomar, chega a celebrar a súa décimo sexta edición cunha participación récord de oitenta e catro poemarios e unha ampla repercusión a nivel nacional, estatal e incluso internacional.
O autor
Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) é profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Como poeta publicou A oseira (Chan da Pólvora, 2016), Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018) e Voz do arqueiro (Chan da Pólvora, 2020), co que foi vencedor do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Este mesmo volume foi traducido ao castelán (Ultramarinos, 2023). É autor do Ensaio sobre o poema e o mar da morte (Euseino? 2020).
Dende o Instituto de Estudos Miñoráns, queremos ofrecerlle a Antón a nosa máis calorosa benvida á familia do Premio Victoriano Taibo, formada por nomes tan recoñecidos na poesía galega coma Carlos Negro, Mª Carmen Caramés, Elvira Riveiro, Silvia Penas, Mª Goretti Fariña, Calros Solla, Conchita Álvarez Lebredo, Ramón Sandoval, Lara Rozados, Iñaki Varela, Xosé Iglesias, Rafa Vilar, Laura Ramos Cuba, Fran Fernández Davila, Arancha Nogueira, Javier Rodríguez González, Masha Álvarez.