
Proxección da curtametraxe A ROSA INCANDESCENTE (A nova visión de Rosalía De Castro)
O vindeiro venres, 21 de febreiro, ás 20:00h no local do IEM.
Que é A rosa incandescente?
A rosa incandescente é unha curtametraxe estreada en 2022 que nos achega á figura e á obra de Rosalía de Castro. Ao longo dos seus 27 minutos de duración entramos en contacto cunha Rosalía cercana e directa que nos conta ela mesma algúns dos aspectos fundamentais da súa vida e obra. Así vai debullando a paixón pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo e, por suposto, as dificultades que ela mesma tivo que enfrontar por ser muller e escritora. Rosalía é no filme a mesma rosa incandescente de intelixencia, sensibilidade e paixón polo que fai.
A este orixinal enfoque do guión de Anxos García Fonte sobre a gran escritora galega únese o traballo do director, David Vázquez, e o director de fotografía, Bruno Máez, que conseguen envolvernos nunha atmósfera sensual que recrea eficazmente o mundo de Rosalía de Castro. Non podemos deixar de mencionar a interpretación da protagonista, feita cunha gran intensidade por Alba López; o coidado deseño de vestiario de Ana Gesto; a sobria escolla de atrezzo de Alicia Fernández e, por suposto, a beleza antiga do entorno do Pazo de Sabadelle, que fan o resto.
Só quedaba un orixinal acompañamento musical, feito adrede por Tamara Lorenzo, para este traballo audiovisual que non vai deixar a ninguén indiferente.