As lecturas poéticas da MINI
O vindeiro venres 24 de novembro ás 20:00h no local do Instituto de Estudos Miñoráns (Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira 10, Gondomar) terá lugar a estrea do documental As lecturas poéticas da Mini. Para a súa presentación contaremos coa presenza do coordinador das lecturas, Xosé María Álvarez Cácamo e máis de Manuel Forcadela, autor do documental.
No mes de novembro de 2021, coordinadas por Xosé María Álvarez Cáccamo, na Taparía A Mini, en Baiona, abrollaron voces poéticas, unhas consolidadas, outras noveles, de estrea, ou mesmo de descuberta.
Durante meses compartimos escoitas e xantares xunto ao propio Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Baixeras, Baldo Ramos, Luz Pichel ou Gonzalo Navaza; en ocasións esas voces duplicáronse ou replicáronse como no caso de Marta Dacosta que nunha quenda ofreceunos a súa voz poética e noutra prestoulla ás poetas que antologou; ou
cando Pepe Cáccamo e Baldo Ramos compartiron e intercambiaron obra poética e visual.
Por alí pasou a querida Xina Vega e outros poetas máis novos, algún mesmo de estrea, como Xabier Boubeta, Xabier Xil Xardón ou Maurizio Polsinelli e ata houbo tempo para que artistas plásticos como Fernando Casás ou Anxel Huete nos descubrisen as súa pulsión literaria ou que a profesora Camiño Noia nos lembrase a produción poética emerxida do desastre do “Prestige” e o investigador Pepe Pintado nos presentase aquel “Proxecto Neuston” que argallou mesturando Ciencia e Poesía.
Durante eses dúas tempadas as cámaras de Manuel Forcadela non deixaron de levantar acta daquelas lecturas á beira da Fonte de Zeta baionesa para que ficase a memoria en termos absolutos e agora poida ofrecernos a súa propia ollada a través dunha películadocumental síntese daquelas xornadas.