Acto de entrega do XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo
Sábado, 12 de marzo ás 19:30h
Auditorio Lois Tobío (Gondomar)
O Concello de Gondomar, a editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan as persoas interesadas a asistiren ao acto de entrega do XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu na poeta ourensá Arancha Nogueira polo poemario titulado Antese.
Esta nova obra da autora de Dente de leite céntrase en dúas mulleres, nai e filla, e nun lugar: o xardín. O crecemento é o que teñen en común a poeta que escribe e as plantas. Tamén comparten unha pexa: o vencello con quen as cultiva —a nai— como ligadura. A partir de situacións cotiás, cunha poética baseada na linguaxe coloquial e nos símbolos dos medios dixitais, na música e na evocación de imaxes, Arancha Nogueira fai presente a circunstancia principal da vida: o acceso á liberdade.
Arancha Nogueira (Ourense, 1989) é autora dos poemarios Andar descalza (Premio Francisco Añón 2013), O único lugar onde ficar inmóbil (2018), #hashtags para un espazo/confinamento agónico (2019) e Dente de leite (Premio Johán Carballeira 2019).
O acto será presentado e conducido por Pedro Rodríguez, director de Teatro do Ar. O premio está dotado con 4000 € e unha peza escultórica, obra do artista miñorano Fino Lorenzo e fabricada desinteresadamente pola carpintería Meixoeiro. Este evento cultural, que terá lugar no auditorio Lois Tobío, en Gondomar, o sábado 12 de marzo ás 19:30 horas, estará amenizado pola pianista Lucía Doval e as persoas participantes no obradoiro de poesía impartido pola premiada. Neste acto intervirán o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; o director do IEM, Juan Hermida; Miguel Mouriño, presidente do xurado e a directora comercial de Galaxia, Tati Mancebo.
Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural. Foi poeta das Irmandades da Fala, en cuxo movemento participou de xeito moi activo. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Á parte dunha abundantísima obra espallada, publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes de poemas, Abicedoe Cabrinfollas, publicados en 2008 por Armando Requeixo; neste mesmo ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.
Etiqueta:Premio Victoriano Taibo 2021