
“O Baixo Miño na lírica trobadoresca galego-portuguesa. Das orixes aos cancioneiros”. Henrique Monteagudo Romero.
Henrique Monteagudo Romero abrirá este novo Ciclo de Faladoiros do IEM coa súa proposta “O Baixo Miño na lírica trobadoresca galego-portuguesa. Das orixes aos cancioneiros”
Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959), actual Presidente da Real Academia Galega (RAG), é un sociolingüísta galego, profesor na Universidade de Santiago de Compostela desde 1982 e Catedrático de Filoloxía Galega desde 2018. Ten publicado traballos sobre literatura galega medieval, historia externa da lingua, planificación lingüística e gramática e lexicografía galegas e, entre as súas publicacións destacan:
O son das ondas: Mendiño, Martín Codax, Johán de Cangas, xograres da beiramar (1998). Vigo: Galaxia.
O son das ondas. Mendiño, Martín Códax, Johán de Cangas (2001). Vigo: Galaxia. Introdución básica, aínda que completa e sistemática, ó complexo fenómeno da lírica galego-portuguesa medieval.
Letras primeiras. O foral de Caldelas, a emerxencia da escrita en galego e os primordios da lírica trobadoresca (2008). A Coruña: Fundación Barrié. (Premio da Crítica Galicia 2009 na sección de Investigación)
A nobreza miñota e a lírica trobadoresca na Galicia da primeira metade do século XIII (2014). Noia: Editorial Toxosoutos.
Presentará ao noso convidado Bruno Centelles, mestre licenciado en Filoloxía Románica pola USC e membro da xunta de goberno do IEM.




