MES DA MEMORIA. “A VOLTA DAS NOVE”. Exposición REXAS.
“Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”

Esta exposición, exposta do 5 ao 18 de outubro no Concello de Baiona e do 19 ao 31 na Aula de Cultura Ponte de Rosas en Gondomar, conta a través de 78 fotografías as historias de 172 mulleres (30 delas da comarca de Deza-Tabeirós), algunhas delas feitas públicas por primeira vez. A mostra está dividida en tres bloques: o primeiro é o da contextualización histórica, que amosa como o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República; o segundo, o máis longo, analiza as diferentes tipoloxías de represión desde a perspectiva das mulleres que a sufriron; o terceiro busca recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres e o seu apoio imprescindible á guerrilla.
“REXAS…” formou parte das actividades programadas nas Xornadas “A VOLTA DAS NOVE” que sobre a represión contra as mulleres no Val de Miñor organizou o IEM coa colaboración dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán e a Deputación de Pontevedra.
Montse Fajardo, comisaria da exposición e das xornadas, explica que “Somos conscientes de que moitas non aparecen, moitas quedaron no camiño, pero esta é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura”.