
Presentación do libro “Votos son triunfos. As elites do Val de Miñor”
“Votos son triunfos. As elites do Val de Miñor: a loita polo poder durante a monarquía de Alfonso XIII” é o título desta nova proposta editorial de José Luis Mosquera Veleiro, veciño de Gondomar. O libro, que será presentado este venres, 23 de outubro, ás 8 da tarde na Aula de Cultura Ponte de Rosas (sede do IEM en Gondomar) conta cun limiar asinado por Anxo Rodríguez Lemos, veciño de Baiona, membro do IEM, doutor en Historia pola USC e Cronista Oficial da vila de Baiona de Miñor.
Este traballo, publicado na colección Universitas Minoris do IEM coa colaboración dos tres concellos miñoráns, trata sobre as elites do Val de Miñor, aquelas que están instaladas no poder local, gobernan nos concellos da comarca ou están na oposición, forman parte do núcleo dirixente dos partidos políticos e son candidatos nas eleccións.
O xornal católico El Noticiero de Vigo facía alusión en outubro de 1906 ás elites como a “Los elementos más valiosos de la localidad”. Non lle faltaba razón, xa que se adoita adxudicar o concepto de elite, no uso meramente descritivo do termo, ás capas superiores de calquera colectividade, e nos estudos máis elaborados, como xa citamos, a quen posúa e exerza o poder nas súas múltiples dimensións sociais.
O período desta publicación abarca a segunda etapa da Restauración que ven coincidir coa práctica totalidade do mandato constitucional do Rei Alfonso XIII.
A data de comezo ven determinada pola aprobación da nova Lei Electoral do 8 de agosto de 1907, e remata co comezo da ditadura de Primo de Rivera tras o golpe de estado militar do 13 de setembro de 1923.




