O IEM manifesta a súa oposición ao macroproxecto de ALTRI en Palas de Rei
Nunha mobilización histórica, comparable á do 1º de decembro de 2002 polo Prestige, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e a Plataforma SOS Serra da Groba xunto con ducias de milleiros de persoas manifestamos a nosa oposición a ALTRI.
O pasado domingo, día 15, convocadas por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), moitos milleiros de persoas chegadas de toda Galicia e baixo o lema ‘A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non’ ateigamos as rúas de Compostela co propósito de paralizar a instalación da factoría pasteira de Altri en Palas de Rei (Lugo).
Con exquisita puntualidade a marcha comezou o seu percorrido ás 12 en punto e dúas horas máis tarde, aínda na Alameda, efectivos da Policía Nacional pechaban a riada de dignidade -100.000 persoas segundo as organizacións convocantes e 40.000 segundo a Policía Local- en contra da macrocelulosa de Altri.
Pódese acceder á testemuña audiovisual IEM – SOS Groba nestas ligazóns:
Diaporama “Tempestades de sal” (4 min) https://youtu.be/icGVDh9W5tU
Video “Semente de Vencer” (20 min) https://youtu.be/VqjWh-W4QZ0
A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, defendía que “estamos aquí para mandar unha mensaxe moi clara: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpe e auga limpa. E non é negociable”. A presidenta de Ulloa Viva dirixiuse directamente a “Altri, a Xunta e Greenalia” para dicirlles que “non hai trato, o noso legado e o futuro das nosas fillas non é negociable”.
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, pola súa banda, asegurou “a Xunta de Galicia non ten o consenso social para impulsar e impoñer a celulosa de Altri”. E engadiu que “impoñer a celulosa de Altri é actuar contra o conxunto da sociedade galega”. Lembrou o presidente da PDRA que “a Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e o sector agrogandeiro e turístico”.
No Manifesto lido dende a tribuna instalada na Praza do Obradoiro lembrábase como hai dous meses o PP votou en contra de admitir a trámite no Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular para recoñecer o interese xeral da pesca de baixura, o marisqueo e o mexillón “mais non teñen reparos en declarar proxectos estratéxicos a Altri ou á mina de Touro, porque non queren que esteamos en pé de igualdade con eles, para así poder explotar os nosos recursos despregando unha estratexia de extractivismo colonial”.