Obradoiro Práctico de Poesía en Gondomar. SOÑA TIFÓNS UNHA NEANDERTHALENSIS NA BOCA DA PANTERA
Obradoiro Práctico de Poesía en Gondomar.
SOÑA TIFÓNS UNHA NEANDERTHALENSIS NA BOCA DA PANTERA
25 de xaneiro | 15 de febreiro | 15 de marzo
O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario “SOÑA TIFÓNS UNHA NEANDERTHALENSIS NA BOCA DA PANTERA” impartido por Antón Blanco Casás, gañador do XVI Certame de poesía Victoriano Taibo. O obradoiro, de carácter gratuíto, constará de seis sesións presenciais que se desenvolverán os sábados 25 de xaneiro, 15 de febreiro e 15 de marzo en sesións dobres de mañá (de 11 a 14 h) e tarde (de 16 a 19 h) na sede do IEM en Gondomar. O prazo de inscrición comezará este xoves 5 de decembro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Antón a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro serva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte https://forms.gle/xrKMtgrCrTv8dKS59 ou no código QR anexo. O proceso é moi sinxelo e pode facerse dende o propio móbil.
O autor
Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) é profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Como poeta publicou A oseira (Chan da Pólvora, 2016), Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018) e Voz do arqueiro (Chan da Pólvora, 2020), co que foi vencedor do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Este mesmo volume foi traducido ao castelán (Ultramarinos, 2023). É autor do Ensaio sobre o poema e o mar da morte (Euseino? 2020).
A súa intención é desenvolver un obradoiro eminentemente práctico e participativo. A través das xenealoxías textuais de Bosque, o obradoiro propón achegarse ao poema desde a acumulación de restos, fósiles, cascallos literarios. Abrirase un espazo selvático onde poida darse a escrita poética como se dá un gromo vexetal.