Obradoiro Práctico de Poesía en Gondomar. RUSSIAN RIVER VALLEY, SONOMA, COUNTY, SEBASTOPOL, CALIFORNIA. POESÍA DE FRONTEIRA
Obradoiro Práctico de Poesía en Gondomar. RUSSIAN RIVER VALLEY, SONOMA, COUNTY, SEBASTOPOL, CALIFORNIA. POESÍA DE FRONTEIRA
do 27 de xaneiro ao 16 de marzo
O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario “RUSSIAN RIVER VALLEY, SONOMA, COUNTY, SEBASTOPOL, CALIFORNIA. POESÍA DE FRONTEIRA” impartido por María Álvarez Martínez, Masha, gañadora do XV Certame de poesía Victoriano Taibo. O obradoiro, de carácter gratuíto, constará de seis sesións presenciais que se desenvolverán os sábados 27 de xaneiro, 3 e 24 de febreiro e 2, 9 e 16 de marzo en horario de 11 a 14 horas na sede do IEM en Gondomar. O prazo de inscrición comezará este luns 18 de decembro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que o obradoiro sexa eminentemente práctico, onde as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Masha a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro serva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte https://forms.gle/2pXVtT3N387UQ2tq7 ou no código QR anexo. O proceso é moi sinxelo e pode facerse dende o propio móbil. En caso de ter algún problema pódese chamar ao número de teléfono 687553651 para recibir axuda.
A AUTORA
María Álvarez Martínez, “Masha”, Vigo 1983, é Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo. Actualmente exerce como profesora de secundaria no IES Martaguisela do Barco de Valdeorras. Leva toda a súa traxectoria ligada ao ensino secudario, residindo dous anos nos Estados Unidos e deselvolvendo o seu labor en colexios de inmersión lingüística, como o Rosa Parks ou o Sonia Sotomayor, pertencentes ao Sioux Falls School District en Dakota do Sur, o que sen dúbida inspirou o poemario gañador do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo de 2023.
A autora xa ten acadado galardóns coma o primeiro premio do I Certame Ínsua e o Liño no 2021 e o terceiro premio no XXXIII Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà no 2020, compartindo elenco con voces xa consagradas da nosa literatura como Lupe Gómez, Marcus Daniel Cabada e Fran Fernández Davila, gañador do XII Victoriano Taibo no ano 2019.
Natural de Vigo e con vínculos co Rosal e a Guarda, Masha Álvarez, vive dende hai dous anos e medio a cabalo entre Arcade e Lalín “porque, como din nos EEUU, home is where the heart is”. Tamén compaxina o seu labor profesional cunha carreira musical dentro do grupo Os Residuos Atractivas, onde toca a gaita dende hai 13 anos. Segundo ela mesma afirma “gústalle a poesía humilde, pasmar, pensar e escribir cando hai necesidade porque ela, coma John Dunbar, tamén sente a pulsión de ir ver a fronteira, antes de que desapareza”.
A súa intención é desenvolver unha obradoiro eminentemente práctico e participativo onde se traballe sobre poemas da literatura universal na primeira parte da sesión e se dedique a segunda á creación de poemas propios. Esta será xa a terceira edición deste obradoiro que comezou co impartido por Arancha Nogueira no ano 2022.