O IEM convoca o I Premio de Investigación “Val de Miñor”
O Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración coa Mancomunidade de concellos do Val de Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) convoca o I Premio de Investigación “Val de Miñor”.
O premio estrutúrase en dúas modaliadades: científico-tecnolóxica e humanístico-social e dentro de cada modalidade establécense dúas categorías, unha categoría A para aqueles traballos realizados por entidades de investigación e unha categoría B para centros de ensino secundario (segundo ciclo da ESO, bacharelato e FP).
O premio está dotado con 3.000€ para cada unha das categorías A e cun bono de 500€ para cada unha das categorías B, para canxear no comercio local do Val de Miñor. Os traballos premiados serán publicados na Revista de Estudos Miñoráns (REM) que anualmente edita o IEM.
O Premio de Investigación “Val de Miñor” ten como obxectivo recoñecer o labor investigador realizado no ámbito territorial do Val de Miñor e ó mesmo tempo contribuír ó fomento das vocacións investigadoras nos estudantes do ensino secundario.
O IEM agradece o apoio que esta iniciativa tivo, dende o primeiro momento, dos tres concellos da Mancomunidade do Val de Miñor e pon en valor a proposta de iniciativas mancomunadas que unifican, na práctica, un espazo territorial común con identidade propia e singular. O premio de investigación “Val de Miñor” permitirá, co paso do tempo, xerar un importante volume de coñecemento da nosa contorna ó mesmo tempo que fomentar entre as novas xeracións a súa tan necesaria vocación investigadora.
Os traballos poderán presentarse ata o 30 de xuño.
Consulta aquí as bases