A Volta das Nove
XX ANIVERSARIO DO IEM. MES DA MEMORIA.
“A VOLTA DAS NOVE”
A homenaxe ás familias represaliadas pecha o ciclo de MEMORIA do IEM
Os músicos Lucía César Veloso e Manolo Dopico porán música o 26 ao acto de colocación da placa en homenaxe ás vítimas da Bombardeira
As xornadas “A volta das 9” coas que o Instituto de Estudos Miñoráns quixo reivindicar, durante todo o mes de outubro, a memoria das mulleres represaliadas polo franquismo, chegan ao seu fin.
Baiona, o Val de Miñor no seu conxunto, despedirase destas xornadas co acto de homenaxe que terá lugar hoxe sábado, 26 de outubro, ás doce do mediodía, no cemiterio municipal da localidade, coa colocación dunha placa cos nomes dos nove miñoráns asasinados na Bombardeira, no camiño a Baredo, o 16 de outubro de 1936. Con eles quérese render homenaxe a todas as familias que dun xeito ou outro padeceron a crueldade do franquismo.
A placa foi construída hai dez anos pero a negativa do anterior goberno popular impediu que fose colocada no cemiterio. Por iso, desde o IEM faise un chamamento á asistencia a este acto de memoria colectiva para lembrar ás vítimas e a súa contorna. Sobre todo, á descendencia que, pasada unha década, xa non fica para ser testemuña deste acto de xustiza e dignidade democrática. No acto intervirán autoridades municipais e representantes das familias e do IEM. Ademais contará coa actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico, que interpretarán varios temas relacionados coa memoria histórica.