Acto memoria “VOLTA DOS NOVE”. LXXXIV cabodano.
LXXXIV CABODANO DA VOLTA DOS NOVE.
O IEM LEMBRARÁ CUN ACTO NO CEMITERIO DE BAIONA, ESTE SÁBADO ÁS 12, AOS REPRESALIADOS EN OUTUBRO DE 1936 EN SABARÍS E NA VOLTA DOS NOVE.
Nove veciños de Panxón e Baiona; Manuel Aballe Domínguez, Feliciano Antonio Pérez Pérez, Elías Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó”, Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, Fidel Leyenda Rodríguez, José Rodríguez González, Manuel Barbosa Durán e Generoso Valverde Iglesias foron vilmente asasinados na amañecida do 16 de outubro de 1936 na estrada de Baiona á Guarda, á altura da Bombardeira, no lugar dende aquela coñecido como “A Volta dos Nove”.
Días antes, en Sabarís, foran tamén salvaxemente asasinados os irmáns Pepe e Luís Lopez Luís, “Os Ineses”, xunto con Dolores Samuelle, “Perfeuta”.
Como cada outubro, o IEM quere lembrar estes feitos.
O ano pasado, baixo o nome de “A Volta das Nove”, o IEM adicou todo o mes ás mulleres represaliadas e á memoria de todos os familiares que sufriron as consecuencias dunha brutal represión que as deixou sen homes, sen pais, sen irmáns… Mulleres que sempre foron esquecidas nunha historia mal contada e falsificada a man tenta nas páxinas que se escriben para xustificar o inxustificable.
Este ano, polas especiais condicións sanitarias fronte ao COVID19 e por imperativo legal, non se poden facer xuntanzas de máis de dez persoas o que leva o IEM a organizar as ofrendas florais nos cemiterios de Sabarís e Baiona así como na propia Volta dos Nove dun xeito moi restrinxido. Non serán actos abertos ao público.
No cemiterio de Baiona dous familiares de represaliados darán lectura a cadanseu discurso.
Tanto as imaxes como a gravación do acto serán compartidas polo IEM desde a súa páxina web (iem.gal) e desde os seus espazos nas redes sociais.
Agradecemos o apoio de todas as persoas que sempre colaboran con IEM lembrando estes feitos e a memoria das persoas e familias afectadas. Suxerimos que ao longo do día poidan ir pasando polos cemiterios e pola Volta dos Nove para facer as súas ofrendas florais e que espallen nas redes o vídeo do acto que colgaremos na nosa páxina.
Non esquecer e lembrar para dignificar e honrar ás vítimas da represión sempre será unha tarefa que o IEM, dun xeito ou doutro, terá entre as súas actividades.
Grazas a todas e todos pola vosa colaboración e comprensión.
Baiona, 15 de outubro de 2020.