Outubro, MES DA MEMORIA no Val de Miñor.
XOVES, 14, ÁS 20:00
no Auditorio Municipal de Nigrán,
Proxección do videodocumental “ACORDA”
O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) organiza para este xoves, en colaboración co concello de Nigrán, o primeiro dos actos que conforman a celebración do MES DA MEMORIA no Val de Miñor.
Coa proxección do documental “ACORDA”. Cartografía musical da Memoria Histórica de Pontevedra”, este xoves, 14 de outubro ás 20:00 no Auditorio Municipal de Nigrán dará inicio o a programación do MES DA MEMORIA no Val de Miñor na véspera dos tráxicos asasinatos de “A Volta dos Nove”, un dos peores episodios da represión franquista na nosa comarca e un dos que aparecen neste traballo.
“ACORDA” é unha idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer, a través da música, lugares e feitos relacionados con con esta brutal represión na provincia de Pontevedra.
Así participan en “ACORDA” voces moi diversas que lembran ás vítimas a través da interpretación de cancións gravadas en lugares simbólicos, testemuñas da barbarie no tempo do medo: A Volta dos Nove, en Baiona; a antiga Escola Normal e o edificio da Deputación de Pontevedra; o cemiterio de A Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a Praia de Massó, en Cangas; a Praia de Alcabre, en Vigo; a Volta da Moura, símbolo da resistencia do Baixo Miño; e a Illa de San Simón, o gran símbolo da Memoria e da Solidariedade en Galicia, que debe volver a ser, por sempre, a nosa ILLA DA MEMORIA.
A Historia escríbea quen vence, pero outras historias continuaron escribíndose tamén. Hoxe, coma quen acorda dun longo soño, volvemos a algúns dos lugares onde habitou o silencio, o medo… e poboámolos de música, cancións e palabras. “ACORDA” propón unha emocionante viaxe á MEMORIA da man do poeta e narrador Lois Pérez e da cantora Uxía, que reúne algunhas das voces máis representativas de Galicia para ilustrar HISTORIAS DE LOITA E DIGNIDADE.