
XXII MES DA MEMORIA NO VAL DE MIÑOR. 90 cabodano dos asasinatos.
Este sábado, 17 de outubro, no 90 cabodano daqueles brutais asasinatos, terán lugar os actos de lembranza e homenaxe ás vítimas da represión franquista co acompañamento musical de Alba Costas e Miguel Soto.
– As 11:00 no cemiterio parroquial de Sabarís
– Ás 11:30 no cemiterio municipal de Baiona
– Ás 12:00 no monumento da Volta dos Nove
O desencadeante do múltiple asasinato da noite do 15 para o 16 de outubro foi a persecución de Luís e José (Pepe) López Luís, “Os Ineses” irmáns e dirixentes da Sociedade Labrega de Sabarís. Luís (46) era socialista e Pepe (41) era anarquista.
Ao trunfar o golpe militar agocháronse en varios lugares ata que decidiron esconderse na casa de Ventura Pérez (O cego Ventura), en Sabarís.
Dolores Samuelle (A Perfeuta) coidaba do cego a facía as tarefas da casa.
O cabo Pena, comandante no posto da Garda Civil de Baiona, e o falanxista Refojo entraron na casa e toparon alí aos dous irmáns. Un deles abriu fogo e feriu de morte a Refojo, que faleceu dous días despois.
Naquela escaramuza Pepe foi abatido nunha viña próxima e a Luís matárono contra a tapia do cemiterio de Sabarís.
Os falanxistas asasinaron tamén á Perfeuta, de 71 anos.
Luís, Pepe e Perfeuta foron soterrados extramuros do cemiterio parroquial de Sabarís.
A morte de Refojo desencadeou as ansias de vinganza do cabo Pena e os seus secuaces.
No frontón de María Berdiales, en Vigo, que naquela altura facía de cárcere, facilitáronlle a estes pistoleiros nove homes de Nigrán e Baiona:
– Manuel Aballe Domínguez (41), de Panxón
– Felicísimo Antonio Pérez Pérez (44), de Panxón
– Elías Alejandro Gonda Alonso (36) de Sta. Cristina da Ramallosa
– Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó” (34), natural de Corrubedo, vivía no Burgo, en Baíña
– Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito” (47), de Panxón
– Fidel Leyenda Rodríguez (51), de Baiona
– José Rodríguez González “O Pelonio” (45), da Porta da Vila, en Baiona
– Manuel Barbosa Durán “O Ferreiro do Burgo” (30), de Baíña. Vivía en Panxón
– Generoso Valverde Iglesias (37), de Panxón.
Na noite do 15 para o 16 de outubro, na Volta da Bombardeira arredor das tres da madrugada, foron brutalmente asasinados a tiros.
Os seus corpos foron devoltos a Baiona na mesma camioneta para seren soterrados uns por riba dos outros nunha foxa común no cemiterio municipal.
A vinganza estaba cumprida!
Mais o triste episodio quedou para sempre na memoria das xentes da comarca.
O acontecemento seguiu vivo ata os últimos anos 50 ou primeiros 60.
Nese tempo, no lugar da masacre aparecían nove cruces; nove trazos verticais riscados por un único trazo horizontal, que gravadas na terra daban conta daquela barbarie fascista…




