O IEM denuncia “dificultades” para acceder á información pública sobre os parques eólicos na Serra da Groba.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Belesar e a mercantil CEÓLICA HISPANIA SL., opóñense a facilitar información ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) sobre os expedientes previos de inicio de obras en relación cos parques eólicos na Serra da Groba.
O IEM solicitou en novembro de 2020 ao Concello de Baiona información referente aos expedientes de instalación da torre metrolóxica e equipo SoDAR que se situaron no alto da Groba. A pesar de que o concello de Baiona recoñece, mediante resolución de alcaldía, o dereito do IEM ao acceso a dita información a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Belesar e a empresa CEÓLICA HISPANIA SL. presentaron senllos recursos opoñéndose ao acceso a dita información. Segundo a lexislación o IEM non poderá acceder á información solicitada ata que transcorra o prazo que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Belesar e a mercantil CEÓLICA HISPANIA SL. teñen para presentar recurso contencioso administrativo fronte á resolución da alcaldía.
O IEM pregúntase que terán que esconder a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Belesar e a mercantil CEÓLICA HISPANIA SL. para dificultar o acceso á documentación pública sobre a tramitación duns parques eólicos que afectarán gravemente á contorna do Val de Miñor.
En diversas ocasións tense denunciado a tramitación opaca dos parques eólicos e se ademais temos en conta as numerosas modificacións lexislativas que aceleran os prazos de tramitación, a participación pública nestes proxectos vese gravemente prexudicada. Ademais, a Xunta de Galicia está aproveitando a situación de limitación de mobilidade dos cidadáns para continuar coa tramitación de numerosos parques eólicos por toda Galicia. “A este paso, teremos acceso á documentación pública cando os parques eólicos estean xa construídos e calquera dano será xa irreparable”.
Na Serra da Groba xa se iniciou o procedemento de tramitación de 3 dos seis parques eólicos previstos: O Rosal, Torroña I e recentemente Toroña.
O IEM fai un chamamento aos comuneiros e á cidadanía para que reclame ás administracións información sobre os proxectos e esixa os seus dereitos de acceso á información e participación pública.