
“Crise de Materiais e Transición Verde” (A. Aretxabala e A. Turiel)
Este vindeiro xoves, 29 de maio, a partir das 20:00, co faladoiro “Crise de Materiais e Transición Verde”, no que contaremos coa presenza de Antonio Aretxabala e Antonio Turiel, poremos o ramo a este ciclo no que, collendo emprestada a frase “Recuperar a cordura en tempos convulsos da man da ciencia e das humanidades”, de Antonio Aretxabala, un dos nosos convidados de hoxe, compartimos palestra con Carlos Taibo o pasado 20 de marzo, e con Albino Prada o 25 de abril.
Antonio Aretxabala (Vigo, 1963)
Licenciado en xeoloxía pola Universidade de Oviedo, especializado en xeotecnia, hidroxeoloxía e xeofísica, traballou no Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) do Ministerio de Fomento, e na Estación Espacial de Robledo de Chavela, da NASA, en Madrid. Desenvolveu a súa profesión en empresas de, Navarra, Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia.
Doctorouse no Departamento de Ciencias da Terra da Universidade de Zaragoza, foi delegado do Colexio de xeólogos e xeólogas de Navarra e foi tamén director técnico do Laboratorio de Arquitectura da Universidade de Navarra onde exerceu como docente.
Antonio Aretxabala participa activamente no debate científico internacional sobre a sismicidade intraplaca, a de orixe climática e a antropoxénica. Investiga ademais os efectos do esgotamento dos recursos enerxéticos e minerais en sectores como o urbanismo, a construción, a dixitalización e o impacto do cambio climático en áreas urbanas e na súa adaptación a un urbanismo xeolóxico sostible.
Aretxabala asesora a empresas e institucións e ten participado en diferentes comisións no Senado e no Parlamento de Navarra. Coopera ademais na divulgación científica en medios de comunicación, prensa e con asociacións ambientalistas, científicas e culturais.
É consultor independente e formador nos sectores da obra civil, enxeñaría, urbanismo e patrimonio en colaboración con IONavarra.
Mantén actualizado o seu propio blog https://antonioaretxabala.blogspot.com/ e ven de presentar, o pasado 28 de abril, inmediatamente antes do “gran apagón”, o seu máis recente traballo “Xeoloxía e Cidade”.
Antonio Turiel (León, 1970)
Licenciado en Físicas e tamén en Matemáticas é doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid.
Antonio Turiel é un recoñecido científico que ven desenvolvendo o seu traballo como investigador no Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, en Barcelona.
Aínda que as súas investigacións están centradas na Turbulencia e na Oceanografía por Satélite, é tamén un experto no ámbito do estudo dos recursos naturais e un dos grandes divulgadores e referentes científicos sobre sostibilidade e crise enerxética.
Así o seu blog “The Oil Crash” https://crashoil.blogspot.com/ é unha das grandes referencias en castelán sobre o problema do cénit do petróleo. Entre os contidos do seu blog compriría destacar as predicións que cada mes de decembro ven facendo para o seguinte ano.
É autor, entre outros títulos destacados, de “Petrocalipsis” (2020), “Sin energía” (2022) ou, máis recentemente “El futuro de Europa” (2024), traballos nos que manifesta, co seu caractarístico estilo claro e conciso, os perigos nos que se atopa o mundo…
Bruno Centelles, membro do IEM, presentará aos nosos convidados neste faladoiro.




