
Presentación: “Feixe de flores para Galicia”
O vindeiro venres 6 de xuño, ás 20h, terá lugar a presentación do libro “Feixe de flores para Galicia”, de Xosé Luis Outes Ruso.
No acto, que se celebrará na Aula de Cultura Ponte de Rosas, acompañarán ao autor Juan Hermida, catedrático de bioloxía e director do IEM, e Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia.
“Feixe de flores para Galicia” é o froito dalgunhas reflexións sobre o desenvolvemento do capitalismo desde os anos oitenta do século pasado e a proposta dun programa humano, económico e ecolóxico para o noso país. Estas propostas teñen como finalidade facer de Galicia un país moderno e tecnoloxicamente adiantado, onde prime o colectivo sobre o individualismo, a igualdade e o benestar sobre a precariedade e, sobre todo, o respecto ao medio ambiente e á biodiversidade.
Entre as suxestións que se presentan, compre mencionar a creación dunha banca pública galega, unha axencia enerxética galega, un sector industrial de propiedade pública, o deseño dunha nova política forestal que faga de Galicia unha potencia neste sector, respectuosa co medio ambiente, así como políticas deseñadas para combater a desertización demográfica.
Xosé Luis Outes Ruso (Santiago de Compostela, 1943).
Licenciado en Ciencias Económicas na Universidade de Mainz, obtivo o doutoramento en Ciencias Económicas na Rheinisch–Westfälische Technische Hochschule (RWTH) de Aachen.
Catedrático xubilado da Universidade de Vigo, onde impartiu docencia de Macroeconomía e Comercio Internacional, creou e dirixiu o Observatorio Socioeconómico da Fundación Pro Vigo (OSEVA), do que foi director (1995-2010). Participou, entre outros, no Primeiro Plan Estratéxico de Vigo (1992) e no Plan Estratéxico da Provincia de Pontevedra (1998), deseñou o Observatorio Económico e Social para Galicia e o Norte de Portugal e dirixiu o proxecto, financiado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, sobre a Estructura Productiva del Sector Privado de Vigo y su Área de Influencia (publicado en 2001, 2003 e 2005).
Entre as súas publicacións poden citarse: Desarrollo económico en la India y la R. P. China (1982), Introducción a la teoría del crecimiento económico (1983), La crisis del sector naval y sus repercusiones en Galicia (1990), Estructura del gasto y financiación en la Universidade de Vigo (en colaboración, 1998).