
Acto de entrega do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo
Acto de entrega do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo
Sábado, 24 de maio ás 19:30h
Auditorio Lois Tobío (Gondomar)
O Concello de Gondomar, a editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan ás persoas interesadas a asistiren ao acto de entrega do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu no poeta arousán Antón Blanco Casás polo poemario titulado Bosque, publicado pola Editorial Galaxia.
Esta obra, que constitúe o segundo poemario de Antón Blanco Casás, é é unha obra poética que se adentra na linguaxe do primixenio, onde a natureza —especialmente o bosque— é territorio simbólico, escenario e corpo a un tempo. O poemario transita entre o arcaico e o contemporáneo, con referencias que van desde o neolítico ata ecos urbanos, entre fósiles, neanderthais, panteras, seixos e tifóns. O xurado valorouna «a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal». Unha obra de gran densidade e beleza, que esixe lectura pausada e atenta. Non é unha proposta de acceso inmediato, pero recompensa cunha experiencia poética fondamente orgánica, reflexiva e radical.
O propio autor describe Bosque como unha inmersión nun espazo onde o ser humano é secundario fronte á natureza, destacando elementos vexetais, xeolóxicos e animais. A obra presenta unha voz lírica que busca comprender o mundo a través dos sentidos, destacando a presenza de figuras como un neandertal e unha pantera perfumada, esta última inspirada na Divina Comedia de Dante. O autor sinala que o lector “vai realizar unha incursión no bosque para ser parte del”.
Como parte do premio, Antón impartiu un obradoiro de poesía titulado “Soña tifóns unha neanderthalensis na boca da pantera” na sede do Instituto de Estudos Miñoráns en Gondomar. O taller, de carácter gratuíto e no que participaron máis de vinte persoas, constou de seis sesións presenciais que se desenvolveron entre xaneiro e marzo de 2025. O obxectivo foi que os participantes puidesen crear novas composicións ou mellorar as existentes, explorando técnicas poéticas e fomentando a creación literaria na comarca .
O autor
Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) é profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Como poeta publicou A oseira (Chan da Pólvora, 2016), Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018) e Voz do arqueiro (Chan da Pólvora, 2020), co que foi vencedor do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Este mesmo volume foi traducido ao castelán (Ultramarinos, 2023). É autor do Ensaio sobre o poema e o mar da morte (Euseino? 2020).
Dende o Instituto de Estudos Miñoráns, queremos ofrecerlle a Antón a nosa máis calorosa benvida á familia do Premio Victoriano Taibo, formada por nomes tan recoñecidos na poesía galega coma Carlos Negro, Mª Carmen Caramés, Elvira Riveiro, Silvia Penas, Mª Goretti Fariña, Calros Solla, Conchita Álvarez Lebredo, Ramón Sandoval, Lara Rozados, Iñaki Varela, Xosé Iglesias, Rafa Vilar, Laura Ramos Cuba, Fran Fernández Davila, Arancha Nogueira, Javier Rodríguez González, Masha Álvarez.
Desenvolvemento do acto
O acto será presentado e conducido por Pedro Rodríguez, director de Teatro do Ar. O premio está dotado con 4000 € e unha peza escultórica, obra do artista miñorano Fino Lorenzo e fabricada desinteresadamente pola carpintería Meixoeiro. Este evento cultural, que terá lugar no auditorio Lois Tobío, en Gondomar, o sábado 24 de maio ás 19:30 horas, estará amenizado pola pianista Lucía Doval. Neste acto intervirán o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; o director do IEM, Juan Hermida; Miguel Mouriño, presidente do xurado e Tamara Andrés, Directora da Colección Dombate de Poesía na Editorial Galaxia.
Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural. Foi poeta das Irmandades da Fala, en cuxo movemento participou de xeito moi activo. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Á parte dunha abundantísima obra espallada, publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes de poemas, Abicedoe Cabrinfollas, publicados en 2008 por Armando Requeixo; neste mesmo ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.