Gañador do XIV premio de poesía Victoriano Taibo
O poeta ourensán, Javier Rodríguez González, gañador do XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo
Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos) que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora Xeración (Breve tratado de males inespecíficos) será publicada na colección Dombate da Editorial Galaxia, onde a organización lle desexa o mesmo éxito que Antese, de Arancha Nogueira, poemario gañador do ano anterior que xa vai pola segunda edición.
O acto de entrega do premio e a presentación do libro, editado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2023, nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2023, a gañador impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición nas próximas datas.
O autor
Javier Rodríguez González naceu en Ourense en 1983 e é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Ciencias Relixiosas pola Universidade Pontificia de Salamanca. Funcionario de carreira, traballa desde hai anos como profesor de Ensino Secundario no IES Mariano Quintanilla (Segovia). No seu libro “Preludio a la ceguera” (Eurisaces, 2014) recóllese gran parte da súa produción escrita en galego e castelán. Tamén colaborou con poemas, recensións e textos ensaísticos en revistas como “Encrucillada”, “Piedra de Molino”, “El Cobaya”, “Rudesindus”, ou “Auriensia”.
En galego ten gañado premios como o VII Certame Literario Concello de Ames (2010), o XXVI Certame de Poesía Feliciano Rolán (2012), o VI Certame Literario Terras de Chamoso (2013), o Certame a Pipa Alta Montaña Luguesa (2013), VII Certame de Poesia Manuel Leiras Pulpeiro (2019), III Premio de Poesía Eduardo Pondal (2021), e o V Premio de Poesia Eloy Lozano (2021). En castelán destaca o Premio Internacional de Poesia Miguel Hernández-Comunidad Valenciana (2021).