
Novembro con Taibo- Fran Davila
Fran Davila (Vigo, 1974)
«Eu non quero plutóns na órbita da miña ausencia».
Titulado enxeñeiro de minas e sobre todo pai principiante, Fran Davila logra demostrar a súa capacidade literaria máis sensible coa firmeza e a forza dos sentimentos, en situacións tan próximas como a familia, a morte ou a enfermidade.
Reivindica con orgullo a súa profesión de enxeñeiro de frío industrial, pero o seu corazón o leva a poesía e a poesía á narrativa. No Certame do pasado 2019 Morgadáns volveu ser o escenario da entrega do premio, despois de tantos anos, co entusiasmo e bo facer na presentación do acto por Teatro do Ar e como sobremesa a representación dun dos seus poemas pola bailarina Furma Rial e a voz de Soledad García, visualizado no terceiro vídeo, A princesa de Fukushima porque ao fin e ao cabo Plutón é esa princesa con partículas de tempo que nos atravesan e moven os marcos de todas as familias. A mesma que ilustrou o libro.
No poemario Mover os marcos Marta Dacosta móstranos ese lado caronte do poeta, onde declara a súa independencia, e con dozura redacta un prólogo dos que hai que deterse: “este especialista en frío é, desde logo, a persoa máis acaída para darlle voz a Plutón nesta elexía”, “paréceme particularmente atractivo este novo espazo que se nos abre e que nos move os marcos da lectura”.
Como diagnosticaba Marta Dacosta o noso poeta miñorán acaba xusto de recibir un accésit no Certame de poesía “Rosalía de Castro” de Cornellá, que xa gañara o ano pasado. Esta vez foi cun poema cualificado como irreverente que leva por título O matrimonio é unha nasa. Xa vos podedes imaxinar.
https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Fern%C3%A1ndez_Davila
Etiqueta:Fran Davila, Novembro con Taibo