
Novembro con Taibo- Xosé Manuel Millán Otero
Xosé Manuel Millán Otero (Beluso (Bueu), 1964 – Vigo, 2020)
O colectivo PUGA do Instituto de Estudos Miñoráns celebrou o pasado mes Novembro con Taibo, difundindo nas nosas redes unha serie de vídeos de poemas premiados nas doce convocatorias do Premio VictorianoTaibo.
No tempo desta celebración, do San Martiño ao Santo André, chegounos a noticia do pasamento do poeta Xosé Manuel Millán Otero, finalista na décima convocatoria do Premio Victoriano Taibo. Queremos compartir cos membros do IEM e demais lectores os nosos sentimentos de pena pola súa perda e que a súa lembranza nos sirva de unión cos ideais da súa vida comprometida co presente e futuro da sociedade galega. Poeta, profesor, crítico literario, alcalde de Moaña, galego comprometido quedará na nosa memoria como bo e xeneroso.
“Non sei se os poetas escriben como queren; eu, que non me afago a selo, escribo como podo. Se abandono un instante a leve coiraza de cinismo que cómpre para autoanalizarse, acabarei confesando que nunca concibín a escritura como unha forma de intervención, menos aínda como un modelo para seguir outros, nin sequera como aquilo que a min me gustaría ler. Como madurei con este vicio —hai quen prefire a horticultura— acostumeime a ordenar o tempo en palabras e versos, meus e emprestados. Agora conformaríame con encontrar a palabra que é a clave do mundo, miña ou doutro, con lograr un verso redondo, con apoiarme un día na cómoda que non teño e mentres se fai noite largar trinta e seis poemas dun golpe, aínda que todos fosen horrendos. Por amor a Pessoa, a Neruda e Rosalía, todo o demais é pura quincalla”.
Reprodúcense dous vídeos con dous poemas da obra finalista de Manuel Millán As cinzas de Pasolini (2018, Editorial Toxosoutos) lidos por Soledad García Rivero.
Etiqueta:Novembro con Taibo, Xosé Manuel Millán Otero