Novembro con Taibo – Carmen Caramés
Carmen Caramés (Santa Comba, 1966)
Quedar coa poesía sete veces
«A prosa permíteme contar historias cando teño tempo e ganas, a poesía adoita ser unha necesidade case fisiolóxica, inmediata… Se teño que escoller quedaríame coa poesía…». «Atopo a inspiración nas cousas e as persoas máis achegadas, nas miñas propias vivencias, na maneira en que me afecta o cotián». «Quero ser, humildemente, a voz das que calan, das que perdoan máis de sete veces, das que non denuncian, das que non teñen alternativas».
Carmen Caramés gañou o Premio Victoriano Taibo en 2009, ano no que o xurado decidiu repartir o premio. Ao abrirse as plicas, xurdiu a sorpresa: non eran dúas, senón tres autoras, pois un dos libros estaba escrito a catro mans. Así as cousas, o presuposto non alcanzou. Houbo que recadar máis diñeiro. Varias empresas colaboraron. Os dous libros son un chisco máis pequenos para que se note que son da mesma convocatoria. Esta particularidade non se volveu repetir porque as bases aclararon dende entón que o premio é único e indivisible.
En Cuarto Minguante, a poeta vai espindo a súa alma e compartindo arelas con ese estilo introspectivo que é de sempre, pero tamén imperecedoiro, utilizando imaxes suxestivas que conseguen engaiolar o lector e facelo partícipe dos seus máis íntimos sentimentos.
Etiqueta:Carmen Caramés, Novembro con Taibo