
Novembro con Taibo – Silvia Penas
Silvia Penas (Vigo, 1980)
Lembra…
«Escribo coa carne e todo o que provoca unha tensión, que abre furados. É o que despois utilizo como materia. Os meus poemas adoitan aparecer como algo impetuoso e irrefreable, pero despois déixoos repousar, sácholle a broza, e pasan por un proceso bastante máis pousado e longo…». «A poesía ofrece a posibilidade de que o terreo queimado alume. De que os cascallos, a ruína, as cinzas poidan abrir novos camiños». «Decidín montar un proxecto escénico despois dun éxito rotundo nun karaoke imitando a Shakira».
Silvia Penas gañou o Premio Victoriano Taibo en 2009, ano no que o xurado decidiu repartir o premio. Ao abrirse as plicas, xurdiu a sorpresa: non eran dúas, senón tres autoras, pois un dos libros estaba escrito a catro mans. Silvia Penas e Elvira Ribeiro, compañeiras en Redes Escarlata, compartiron o premio ex aequo con Carmen Caramés.
En Bibliografía da multitude, Silvia Penas e Elvira Ribeiro procuran unha reflexión, que espertemos e sexamos conscientes de que nós tamén somos parte desa multitude, unha multitude que migra na procura dun presente mellor. Tal vez por iso a derradeira palabra do libro sexa «lembra», porque o acto de lembrar, a memoria, é unha das ferramentas que temos para vencer o futuro.
Etiqueta:Novembro con Taibo, Silvia Penas