Novembro con Taibo – Elvira Ribeiro
Elvira Ribeiro (Pontevedra, 1971)
Simbiose poética
«(R)escribo en parte o que me rodea, o que vexo, o que leo, o que ouzo, o que me revolve». A poesía permíteme «unha maior liberdade, unha permanencia no caos sen sentirme incómoda, unha total indisciplina como investigadora das historias que revela, ou non, o poema». A poesía «foi unha vía de escape para intentar dicir o que non lograba coas cordas vocais e tamén unha forma de xogar moi libre e barata».
«A realidade non é para nada amábel. A poesía tampouco ten por que selo. O compromiso do poeta debe ser coa linguaxe, co idioma que escolleu, con crear algo que contribuíu ao avance do ser humano».
«Biografía da Multitude é unha filla rara por ser quen de escribir algo con outra persoa (á que quero e admiro -Silvia Penas-) sen que nos teñamos tirado dos pelos ou rabuñado a cara. Foi un diálogo poético, onde un poema de Silvia suscitaba un de Elvira e ao revés». A autora di que despois de once anos non é quen de distinguir quen é a autora dalgúns fragmentos. Tal foi a simbiose.
Etiqueta:Elvira Ribeiro, Novembro con Taibo
1 Comentario
Fantástico traballo.Un recital de poesia cada día…unha ilusión do noso idioma cada día!!!Grazas !