“A AMEAZA INVISIBLE NOS OCÉANOS”. Débora Iglesias-Rodríguez.
OS FALADOIROS DO IEM
“A AMEAZA INVISIBLE NOS OCÉANOS”
Débora Iglesias-Rodríguez
Hoxe venres, ás 20h, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, a oceanógrafa Débora Iglesias-Rodríguez disertou sobre “A AMEAZA INVISIBLE NOS OCÉANOS” nun novo Faladoiro do IEM, nesta ocasión conducido por Xosé Ramón García, biólogo e membro da xunta de goberno do IEM.
Débora Iglesias-Rodriguez é unha oceanógrafa que traballa nos mecanismos que controlan a diversidade e a función nos ecosistemas mariños. Licenciada na USC, doctorouse en Swansea, Reino Unido, en 1996 cunha tese sobre a utilización de carbono no fitoplancto. Foi posteriormente galardoada cunha bolsa NERC para estudar a diversidade xenética en coccolitóforos (Bristol Univ., Reino Unido) e unha bolsa da NASA para modelar a súa distribución mediante datos por satélite (Rutgers Univ., EUA).
Ata decembro de 2012, dirixiu un grupo de investigación no National Oceanography Center (Southampton, Reino Unido), centrado na bioluminescencia mariña e o efecto de acidificación dos océanos no plancto mariño.