“Na serra liberada…
… Na serra, na Groba… o pobo así cantou!”
O IEM comprácese en presentar esta peza audiovisual que, contando coa desinteresada colaboración de Tino Baz e do grupo “A Trova do vento”, fai un esperanzador chamamento á defensa da Serra da Groba fronte a ameaza eólica que supón a fraudulenta instalación de 44 aeroxeradores repartidos en 6 pequenos parques eólicos pretendidamente independentes. Este traballo foi realizado por “Baixo Miño Estudios”.
“Na Terra liberada…Na Groba liberada…Adáptase a canción ao curso da auga, como elemento esencial, na necesidade específica de dar voz ao preciso clamor de salvar esta porción da natureza que nos posúe nunha múltiple dimensión… Ética, artística, emocional, fondamente cívica…Somos animais de conciencia, así cáseque por instinto primario, cantamos con toda convicción esta peza para salvar á Terra, segregando esteticamente toda a dor e indignación que provoca a ameaza de quen quer especular nela sen escrúpulos…Así cantan Fer, Laura, Sergio, Diego, Iago, Nachito, Carmen…, quen forman a “Trova do vento” e dan Vida a intención desta idea, amorosamente cantada…” (Tino Baz, abril 2021)
Xuntamos nesta publicación o texto íntegro da letra, adaptada expresamente para esta ocasión polo propio Tino Baz. Agardamos que vos guste!
Aproveitamos a ocasión para anunciar a intención do IEM de convocar, para a mañá do DOMINGO 16 DE MAIO, un ACTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ na defensa da Serra da Groba fronte a ameaza da invasión eólica.