Atopados. As fosas de San Xián
No mes de abril de 2009 o Instituto de Estudos Miñoranos procedeu á apertura de tres fosas comúns de vítimas da persecución franquista. Dúas delas localizadas no cemiterio de San Xián, no Concello d’O Rosal, a terceira no cemiterio municipal de Baiona. As dúas primeiras escavacións tiveron resultado positivo. Exhumáronse cinco cadáveres, tres nunha das fosas e dous na outra. Foron identificados tres dos cadáveres e os restos entregados aos familiares, os outros dous son “desaparecidos”; dun deles hai noticias orais, do outro nin iso.
Na terceira das fosas, a de Baiona, onde foron soterrados os nove veciños do Val Miñor asasinados na Volta dos Nove, na estrada camiño d’A Guarda, a poucos quilómetros de Baiona, apareceu un revolto de ósos resultado das obras realizadas con motivo da ampliación do cemiterio, na década dos cincuenta do pasado século.
Foi a primeira e única vez en que unha institución estatal, a Xunta de Galicia, impulsou, coordinou e sufragou exhumacións de vítimas do franquismo.